A tan ansiada primeira victoria no Novo Zahorra produciuse por fin... E non só iso, senón que os primeiros goles marcados como locais sobre o céspede sintético tamén chegaron.
Pese a ser unha victoria merecida, non foi nada doada de conseguir. O Santiso comezou o encontro con ganas e dende o principio tentou crear xogo por medio do toque de balón. Pronto acadou a recompensa do gol por medio de Alberto Cordido nun remate axustado ó pao esquerdo dende o borde da área a pase de Alex. Mentres Alberto Cordido anotaba un gol histórico para o clube, Tono e Vanessa frotábanse as mans pensando na caña que os agardaba. Nese momento ninguén que estivera a ver o partido se imaxinaba os cambios que ía ter o marcador. Así, ó cabo duns minutos, na saída dun córner na que todo o equipo se quedou algo rezagado, un dianteiro do Balouta disparaba un potente tiro que se coaba por toda a escadra da meta defendida por Charli. Duro pao para o equipo local, máis aínda, cando pouco tempo despois, unha perda de balón no medio do campo propiciaba que o mesmo dianteiro visitante anotase o segundo gol. Con este resultado de 1-2 chegouse ó descanso.
A segunda metade principiou cun fútbol bastante trabado e moi directo no que o balón apenas paraba nas botas dos centrocampistas. Aínda así o Santiso seguía a ser algo superior ó Balouta sen que ningún dos dous tivera claras ocasións de gol. Ben avanzado o segundo tempo, Míchel conseguía o empate perforando a meta rival nun tiro de falta preto da área. Pouco durou a ledicia na parroquia do Santiso posto que uns instantes máis tarde o equipo local regalaba un balón ó borde da área que o Balouta non desaproveitaba e transformaba no terceiro tanto para os de Muimenta. Poucos minutos faltaban para que rematase o encontro pero os da casa non se viñeron abaixo, convencidos das suas posibilidades de darlle a volta ó marcador. Así foi como tras sacar de centro e recuperar o balón, Manuel culminaba cun tiro forte e case sen ángulo unha xogada pola banda dereita. Xa no desconto, o exceso de confianza do porteiro visitante, xogaríalle unha mala pasada cando tras regatear a Alfonso, tentou regatear tamén a Monchito pero éste fíxose co balón e enviouno ó fondo da rede sen ningún tipo de complicación.
En resumo, tres puntos que saben a gloria pola forma na que se acadaron, polo rival ante os que se acadaron e por seren os primeiros que quedan neste novo campo. Tarde chuviosa de domingo que tardaremos en esquecer...
